Este Consorcio reforzará os ámbitos Investigador e Innovador no Turismo
SANTIAGO. AGN.- O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez e mais o director xeral de Turismo, Rubén C. Lois González, explicaron o pasado 18 de abril en Santiago de Compostela o Decreto polo que se crea o consorcio Instituto de Estudos Turísticos e que xa foi aprobado polo Consello da Xunta. O consorcio ten por obxecto contribuír ao desenvolvemento do sector turístico do noso país, en especial no eido da elaboración de estatísticas e no ámbito investigador. Así mesmo, as funcións do instituto basearanse en estudar a capacidade competitiva das empresas turísticas e do sector turístico galego; en desenvolver tarefas de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico no eido do turismo; e en prestar asistencia ás empresas e entidades vinculadas ao turismo coa fin de mellorar a calidade do sector.
O Instituto de Estudos Turísticos participará no fomento e desenvolvemento de investigación cooperativa entre as empresas e a análise estatística do desenvolvemento do sector turístico e as súas necesidades. Será outro dos obxectivos desta entidade que se ven de constituír a transferencia de resultados de investigación entre os centros públicos e de investigación e as empresas vinculadas ao sector turístico. Entre os cometidos do novo organismo estará o de formar a formadores e formadoras vinculados aos estudos turísticos, tanto dende o punto de vista teórico como práctico. Calquera outra actividade orientada a mellorar a posición do sector turístico de Galiza no marco español e internacional constituirá tamén un obxecto do novo consorcio.
O Instituto é unha entidade de dereito público e de carácter interadministrativo que disporá dun patrimonio e dunha entidade xurídica propia e que estará integrado pola Dirección Xeral de Turismo e pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación; pola Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia, S.A.); pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo; pola Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia; e polas Universidades de Santiago de Compostela; A Coruña e Vigo. Tamén poderán formar parte do mesmo outras entidades do sector turístico públicas ou privadas sen ánimo de lucro que estean interesadas nos seus obxectivos e fins.
A presidencia deste instituto corresponderalle ao titular da Consellería da Xunta de Galicia competente en materia de turismo, isto é, neste momento, ao conselleiro de Innovación e Industria. Do mesmo xeito, haberá un Consello de Dirección integrado por unha presidenta ou presidente, unha vicepresidenta ou vicepresidente e mais nove vogais, un por cada un dos organismos que o integran, así como o director do instituto e mais unha secretaria (con voz pero sen voto). O Instituto de Estudos Turísticos de Galicia contará, así mesmo, cun consello científico cuxos membros serán nomeados polo Consello de Dirección entre persoas de recoñecido prestixio. Polo que se refire ao capítulo de persoal está previsto que o Instituto conte, aparte de co Director do mesmo, cun cadro mínimo de catro titulados superiores para responsabilizarse das distintas áreas de traballo que serían: investigación, estatística, formación, cooperación e administración.
Dotación económica
A dotación económica do consorcio por parte da Consellería de Innovación e Industria ascende a 642.580 euros. Deste orzamento estímase que douscentos mil euros están destinados para o seu funcionamento durante o exercicio 2007 e, dentro da aplicación orzamentaria correspondente, contémplanse para a súa estrutura (en concepto de gastos en investimentos de carácter inmaterial) catrocentos corenta e dous mil cincocentos oitenta euros para o exercicio 2007.
Esta dotación estará constituída ademais de polo orzamento que aporta a Consellería de Innovación e Industria, polas achegas que aporten tamén o resto das entidades do consorcio, por outras achegas de entidades públicas ou privadas, polas achegas obtidas pola prestación de servizos propios do consorcio e mais polos fondos obtidos para o desenvolvemento de proxectos con cargo á convocatorias de programas autonómicos, de administración do Estado, europeos e internacionais de I+D+i.
cm
No hay comentarios:
Publicar un comentario